Praza de Tiananmen
September 16 in China ⋅ ⛅ 26 °C
A entrada á praza de Tiananmén é gratuíta e poden reservarse 8 días antes da visita. Nós collémola o día anterior porque pensábamos que coas entradas da Cidade Prohibida era suficiente... Pero non. Resérvase a través de páxina web ou dun mini programa de Wechat ou Alipay. Mellor que as traiades reservadas da casa porque non foi doado facelo (en chino) a través das app.
É a praza pública máis grande do mundo e o verdadeiro centro do universo chinés. A súa estrutura actual é obra de Mao Zedong, quen a concibiu como un monumento á omnipotencia do Partido Comunista. Esta enorme extensión de formigón (440 000 m²) resulta sobrecolledora, aínda que as estritas medidas de seguridade réstanlle un punto de encanto. Con todo, sobra o espazo para pasear e gozar das súas impoñentes vistas, especialmente pola noite, cando a praza se ilumina por completo.
Asistimos ao espectáculo de baixada de bandeira onde un escuadrón do Exército Popular de Liberación desfila a través da Porta da Paz Celestial cara á praza a un ritmo exacto de 108 pasos por minuto, xusto antes de arriar a bandeira chinesa que preside o recinto.
Preside a praza a Porta da Paz Celestial desde a que Mao promulgou a República Chinesa en 1949. Tamén poden visitarse na praza o mausoleo de Mao, o Museo Nacional de China, o Gran Salón do Pobo (sé do poder lexislativo).
Non é unha esaxeración dicir que a China moderna naceu na praza de Tiananmen. O 4 de maio de 1919, estudantes da Universidade de Pequín e doutras facultades manifestáronse na praza para denunciar a debilidade do país ante as vellas potencias coloniais e esixir un goberno máis firme e libre de corrupción. Aquelas protestas acenderon a mecha de mobilizacións por todo o territorio, avivaron o sentimento nacionalista e empurraron a moitos mozos chineses a implicarse na política e a tomar partido na guerra civil entre comunistas e nacionalistas, que culminaría coa victoria comunista en 1949.
No 70º aniversario daquelas mobilizacións, a praza de Tiananmen volveu ser ocupada por estudantes da Universidade de Pequín e doutras facultades. Con todo, as protestas de 1989 non tiveron un final feliz. O 4 de xuño, os manifestantes prodemocracia que levaban meses acampados na praza foron desaloxados polo exército chinés. Moitos estudantes saíron ilesos, pero moitos pequineses que se congregaran a un quilómetro da praza para deter o avance das tropas non tiveron tanta sorte, e centos de persoas perderon a vida.
En Occidente, Tiananmen está inevitablemente vinculada ás protestas de 1989, pero non así na China. Ben que moitos chineses lembran ou coñecen os sucesos de xuño de 1989, para a maioría a praza representa a supremacía do Partido Comunista.Read more







